La conada
Cea de apertura 2009-2010: venres, 5 no San Martín.
En que pensan algúns gavilleiros
En que pensan algúns gavilleiros (2)
Debuxos animados
Un Barça de debuxos animados destrona ao todopoderoso Manchester
Trick or treat?
Frumbo
Con determinadas cousas da vida manteño unha relación de mera conveniencia. Xa de moi novo, tentei aprender a tocar a guitarra ou a escribir sonetos porque eran actividades francamente rendibles á hora de achegarse ao outro sexo. Co tempo abandonei a música por lóxico sentido do ridículo, pero seguín cultivando verdadeiro interese pola literatura, se ben máis como lector que como autor (o cal é facilmente comprobable).
Co deporte rei ocórreme outro tanto. Sempre o entendín como un estupendo obsevatorio sociolóxico e, sobre todo desde que me fun facendo maior, como escusa para fuxir da casa de vez en cando e tomar unhas cervexas cos amigotes fronte a un bo partido. De feito, sempre pensei que aquilo do ben de interese social e o de que as televisións o ofrecesen en aberto, que propuña non sei quen do PP, era unha parvada: o fútbol hai que velo na taberna, se non, perde moito chiste.
Da relación entre fútbol e literatura traio hoxe dous referentes. O primeiro era un culé de pro que dicía que a vantaxe que tiña este deporte, fronte a calquera outro espectáculo ou divertimento era que mentres, por exemplo, unha película ou unha novela eran historias pechadas (cunha orixe, cun desenvolvemento, cun final, cuns personaxes) artelladas na mente dun autor e, por tanto, incapaces de escapar a esa omnisciencia tirana, un partido de fútbol era como a vida mesma: sen argumentos preconcibidos, libre de rematar dunha ou outra maneira, imprevisible. Vázquez Montalbán era un intelectual metido a futbolero.
Jorge Valdano, un futbolista e madridista metido a intelectual, é o segundo referente. O outro día, na retransmisión do Barcelona - Sevilla, escoiteille dicir que non lembraba ter visto un equipo que durante tanto tempo, dera en xogar un fútbol tan exquisito como o deste Barça. O seu partenaire nos cometarios do partido preguntoulle se o equipararía a aquel Brasil dos anos 70, e non o negou.
Poida que este Barça non gañe ningún dos tres títulos aos que aspira esta temporada (sería difícil ademais de inxusto), pero xa nos ten regalado fútbol dabondo como para non perdermos de ver ningún dos partidos que lle restan por xogar. Só falta que nos deixen ir a velos cos amigos.
Un gavilleiro